Monday 29 de April de 2024

Abertas as inscricións para o Trail e a Andaina Solidaria de Lousame, con novos percorridos que inclúen unha espectacular subida ao monte Muralla pola pendente lousamiá


O Trail terá lugar o domingo 31 de decembro e ofrece 600 prazas, nas súas modalidades longa (25 km / 12 euros) e curta (14 km / 8 euros)

A Andaina Solidaria terá lugar o sábado 23 de decembro entre Portobravo e San Xusto de Toxosoutos. Custará 6 euros e a recadación será doada á Obra Social de Pediatría do CHUS

O Concello de Lousame, a través da web www.emesports.es, vén de abrir as inscricións para o evento multideporte que terá lugar no municipio os vindeiros meses de decembro e xaneiro: Andaina Solidaria / Belén de Cumes (sábado 23 de decembro), Trail de Lousame 2023 (domingo 31 de decembro) e Pequetrail (sábado 13 de xaneiro). Un tiple evento que “supón un grandísimo esforzo para a súa organización pero que pon en valor o noso patrimonio cultural e paisaxístico, e que ten ademais unha acollida extraordinaria entre a xente”, explica Esteban Ares García, tenente de alcaldesa de Lousame.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo, agradeceu especialmente o traballo do técnico de Deportes, Germán Romero; dos técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja; e do técnico de Xuventude e Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, na organización destes tres eventos. Así mesmo, puxo en valor “a extraordinaria colaboración das máis de setenta persoas voluntarias de Lousame que fan posible a celebración destas iniciativas, así como o apoio dunha empresa local como Futuránea e o seu xerente Pablo Roo”.

Andaina Solidaria / Belén de Cumes

A Andaina Solidaria e Belén de Cumes terá lugar o sábado 23 de decembro, organizada polo Concello de Lousame en colaboración coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH). Ao igual co ano pasado, a andaina será solidaria en favor da Obra Social de Pediatría do CHUS, polo que os 6 euros da inscrición irán destinados integramente a esta finalidade.

As persoas participantes na andaina sairán ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame e percorrerán uns 10 km ata o mosteiro de Toxosoutos, onde serán recibidas con panxoliñas e chocolate con churros cortesía de Churrería Rafa Crespo. Será entón cando os presentes cumpran coa tradición de montar o Belén de Cumes, un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa do municipio e que queda aló para a súa contemplación pola veciñanza desa parroquia durante o Nadal.

Germán Romero, técnico de Deportes do Concello de Lousame, explica que “será unha andaina moi bonita, cunha ruta moi doada pola ribeira dos ríos Vilacoba e San Xusto, e onde teremos alternativas sinaladas para cruzar as zonas máis técnicas. O que queremos é que a xente desfrute da andaina e que poidan participar familias, crianzas, persoas maiores…”.

Trail de Lousame 2023

Pola súa banda, o Trail de Lousame 2023 terá lugar na mañá do domingo 31 de decembro. O Concello de Lousame convoca este ano un total de 600 prazas: 300 para o trail longo (25 km) e 300 para o trail curto (14 km), o que supón cen máis con respecto a anos anteriores. Os prezos de inscrición son de 12 e 8 euros, respectivamente, e a inscrición estará aberta en www.emesports.es ata as 23.59 horas do mércores 27 de decembro.

Germán Romero advirte de que “o Trail Longo está dirixido a xente cunha capacidade física alta. Son 25 quilómetros e o 80% do percorrido é inédito, polo que os que participen desfrutarán dunha subida ao monte Muralla pola pendente lousamiá, pasaremos tamén polas Minas de San Finx e polo alto de Aguieira, antes de volver ao punto de partida: o polideportivo Pilar Barreiro Senra”.

Pola contra, o Trail Curto está dirixido “a xente á que lle gusta o deporte e que queira iniciarse neste mundo do trail. É un traxecto menor, de 14 quilómetros, e cun desnivel acumulado de 540 metros, 750 metros menos que a outra proba, polo que é moito menos esixente a nivel físico”, apunta Germán Romero.

Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada modalidade do trail, tanto na categoría feminina como masculina. Así mesmo, a organización entregarán premios especiais aos mellores atletas locais. Como novidade deste ano, está prevista a degustación dunha gran paella para recuperar forzas e afrontar a noite de fin de ano. O patrocinio principal desta proba recae este ano en Futuránea, unha empresa local cuxo xerente, Pablo Roo, asegurou que “estamos agradecidos de que decidiran contar con nós e, como veciño de Lousame que son, é un pracer participar neste tipo de eventos”.

Pequetrail

Finalmente, o sábado 13 de xaneiro será a quenda dos atletas máis novos. Neste caso, a inscrición é totalmente de balde e sen límite de participantes. A proba desenvolverase na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes.

A proba desenvolverase a partir das 16:00 horas. Os primeiros en saír serán os SUB-16 (atletas nados entre os anos 2008 e 2000) que percorrerán uns 7 km; despois os SUB-14 (nados entre 2010 e 2011), que cubrirán unha distancia de 2 km; mentres cos SUB-12 (de 2012 a 2013) afrontarán 1,5 km. Completarán a proba os SUB-10 (de 2014 a 2015) cun percorrido de 1 km e os SUB-8 (nados en 2106 ou 2017) cunha proba de 500 metros. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas.

Finalmente, o técnico de Xuventude e Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, adiantou que o servizo municipal de Voluntariado mobilizará a unhas sesenta persoas para estes eventos, un labor que foi salientado por todos os presentes, xa que sen esta colaboración non se podería celebrar ningún destes tres eventos. Uns agradecementos que se fixeron extensivos aos integrantes de Protección Civil de Lousame e da Cruz Vermella de Noia.